A educación inclusiva é un concepto teórico da pedagoxía referido ao modo en que a escola debe dar resposta á diversidade. A expresión comezou a aplicarse neste ámbito en 1990, e pretende substituír o de integración, até entón dominante na práctica educativa. O seu suposto básico é que hai que modificar o sistema escolar para que responda ás necesidades de todos o alumnado, en vez de que sexa este o que se adapte ao sistema, integrándose nel. A opción consciente e deliberada pola heteroxeneidade na escola constitúe un dos pilares centrais do enfoque inclusivo.
A educación inclusiva supón un modelo de escola no que o profesorado, o alumnado e as nais e pais participen e desenvolvan un sentido de comunidade entre todos os participantes, teñan ou non discapacidades, ou pertenzan a unha cultura, raza ou relixión diferente. Preténdese unha reconstrución funcional e organizativa da escola integradora, adaptando a instrución para proporcionar apoio a todo o estudantado. Neste modelo, o profesorado ordinario e o profesorado especialista ou de apoio traballa de modo conxunto e coordinado dentro do contexto natural da aula ordinaria, favorecendo o sentido de pertenenza á comunidade e a necesidade de aceptación, sexan cales fosen as características de cada un.
A inclusión supón un sistema único para todos, o que implica deseñar o currículo, as metodoloxías empregadas, os sistemas de ensinanza, a infraestrutura e as estruturas organizacionais do sistema educacional, de tal modo que se adapten á diversidade da totalidade da poboación escolar que o sistema atende.
Con todo, a concreción da inclusión non se debe centrar só no ámbito educativo, nin tampouco exclusivamente enfocarse no tocante ás persoas con necesidades educativas especiais. As súas concepcións son igualmente extensibles a outros sectores da vida social. A súa aplicación como principio rector en instancias locais de toma de decisión (coma os gobernos locais) podería axudar a impedir a discriminación ou a segregación de determinados grupos en desvantaxe (a mocidade, as mulleres, as minorías sexuais ou as minorías raciais, por exemplo).












